Dúas das grandes xoias creadas hai oito séculos polo Mestre Mateo atópanse hoxe baixo chave. A asociación galega na defensa do románico, O Sorriso de Daniel, leva máis de tres anos traballando por devolver ao seu lugar orixinal dúas figuras do Pórtico da Gloria en posesión da familia Franco. “O valor do legado do patrimonio Mateano é tan importante e está tan concentrado na Catedral que non parece razoable que ande disperso por aí”, xustifica Carme Varela, secretaria do colectivo.

Casa Cornide da Coruña, onde repousan as dúas figuras do Pórtico da Gloria propiedade da familia Franco.
A asociación enviou en 2012 un burofax con acuso de recibo a Carmen Polo, presidenta da Fundación Francisco Franco e filla do ditador. A carta razoaba que o conxunto artístico fose de novo reagrupado para que as xeracións vindeiras puidesen gozar del no xeito no que foi “concibido e creado” polo mestre no seu obradoiro. Medios como La Voz de Galicia ou El País recolleron nas súas páxinas a nova, a que lle seguiu un silencio que se prolongou durante os últimos tres anos. Aquel correo nunca foi respondido por parte de Carmen Polo nin da súa institución. A Fundación Franco rexeitou contestar á revista Tanxente se estuda a posibilidade de devolver as obras.
Hai que remontarse varios séculos atrás para dar coa desaparición destas dúas tallas do Pórtico da Gloria. Para protexer a xoia mateana do deterioro que estaba a sufrir por mor das inclemencias meteorolóxicas, a fachada do Obradoiro foi sufrindo diversas modificacións dende o século XVI ata 1740, cando se erixe actual forma barroca deseñada por Fernando de Casas Novoa. A obra culme do románico galego quedou por fin cuberta, e foi nese momento cando O Sorriso de Daniel estima que as dúas estatuas saíron da Catedral. “Segundo varios expertos, varias pezas foron reubicadas durante as obras da fachada do Obradoiro”, sinala Varela, enumerando as dúas figuras en posesión dos Franco e outras dúas expostas no Museo de Pontevedra.
O primeiro en dar e informar da localización das extraviadas pezas foi Fermín Bouza Brey, que as localizou en 1933 nun pazo do Ulla propiedade do conde de Ximonde. O historiador, como recolle a asociación en defensa do románico, identifica as pezas como as obras do Mestre Mateo que ocupaban “cada banda da porta principal da basílica”. As investigacións posteriores sinalan que as tallas poderían representar as personaxes bíblicas de Isaac e Abraham, pétreas acompañantes durante séculos das máis de duascentas figuras que conforman o Pórtico.

Estatuas de Abraham e Isaac.
Nese momento comezan os contactos co Concello de Santiago para devolver as esculturas á cidade. “Convéncese ao Concello para que as merque e este chega a un acordo co dono, que llas vende por un prezo simbólico”, relata a secretaria da asociación. O conde obriga a firmar unha cláusula no contrato de traspaso, taxado nunhas 60.000 pesetas, para que o Concello “se comprometa a non vendelas nunca nin que estas saian de Compostela”. Durante anos, as figuras presidiron a escalinata do Pazo de Raxoi, ata que o catálogo da exposición El arte románico as clasificaba en 1961 como propiedade do ditador Francisco Franco.
Sen documentos no Pazo de Raxoi
“Dun día para outro, as pezas están baixo a súa posesión. Nin se sabe como apareceron nas súas mans”, lamenta Varela. Aquí reside unha das grandes incógnitas do devir destas figuras. Existe unha acta de 1947 na que se aproba en sesión plenaria a compra destas estatuas, mais non hai documento algún que acredite a cesión ou venda delas ao Xeneralísimo.
En 2012, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego formulou ao Goberno santiagués, entón baixo as siglas do Partido Popular, unha pregunta escrita na que requiría coñecer a existencia de tal documento. O obxectivo principal era o de reclamar ese patrimonio cultural e restituílo no seu lugar orixinal”, expuña o concelleiro Rafael Vilar. A concelleira de Réxime Interno e Persoal, Amelia González Brandariz, respondeu que no Pazo de Raxoi “non consta a existencia dun documento oficial de cesión ou venda”.
A edil lembrou que dende o Concello fixéranse “diversas xestións sobre este tema”, aínda que sen resposta por parte do administrador da familia Franco. “Esperamos que se produza algún movemento nese sentido por parte de quen custodia a día de hoxe esas pezas”, finalizaba González Brandariz. Pero as aspiracións da concelleira baten coa porta fechada da Fundación Francisco Franco. O novo goberno santiagués de Compostela Aberta tamén recolle as negociacións iniciadas hai anos para recuperalas, aínda que descartou confirmar a esta revista se iniciará trámites para volvelo intentar.
Dende a Fundación Catedral de Santiago aseguran que non se fixo ningún tipo de “petición formal polo momento” para traer a Abraham e Isaac a súa lugar de orixe. Segundo apuntan dende o organismo, os esforzos enfócanse actualmente na restauración do Pórtico da Gloria. Con todo, a institución si logrou contar coas pezas circunstancialmente en 2011, cando a familia Franco accedeu a “prestalas sen problema” para a exposición Dominus Iacobi do Pazo de Fonseca.
Esa foi a última vez que as dúas esculturas pertencentes a maior expresión artística románica estiveron a disposición do público. “Nós cremos que esas pezas deben reintegrarse ao Museo da Catedral ou ben volver a escalinata interior de Raxoi. Iso será sempre o que pidamos dende a asociación”, conclúe Varela, que demanda a acción das institucións para chegar á opción “máis sensata”. “A Dirección Xeral de Patrimonio ten moito que dicir sobre este tema”, engade ao subliñar a categoría da Catedral de Santiago como Patrimonio da Humanidade, considerando así que as esculturas “deberían nomearse Ben de Interese Cultural”. Patrimonio, preguntado por Tanxente, rexeitou confirmar se traballa na recuperación e cualificación das obras como BIC.
Baixo a escuridade da Casa Cornide
Despois de adornar o interior do Pazo de Meirás, a familia Franco decidiu trasladar as pezas á Casa Cornide da Coruña. O singular edificio, un pazo urbano do século XVIII, atópase pechado ao público e con certo aspecto de abandono malia ser unha das figuras arquitectónicas máis sobresaíntes da cidade. De feito, a construción foi sede do Concello da Coruña durante parte do século XIX.
Na década dos sesenta, a Comisión Permanente coruñesa poxou a finca a Pedro Barrié de la Maza por 305.000 pesetas. Porén, a intención do empresario non era residir na Cidade Vella, senón regalar o terreo a familia do ditador. A Casa Cornide, a día de hoxe, é unha das moitas propiedades dos Franco espalladas polo territorio galego que nunca tiveron prezo de venda. Nin foron nunca vendidas.
Neste mapa podes ver a localización da Casa Cornide. Preme na imaxe das estatuas para acceder a súa descripción.




























Este gato tiene hambre
Cuando tenemos hambre, nos comportamos más como animales
¡Dame un cacahuete! 




















Image: 


