As Guerras Irmandiñas supuxeron a maior revolución europea, quizais de toda a Baixa Idade Media. No século XV, torres e castelos, alcumados como refuxios de malfeitores (nobres) e símbolo da opresión feudal, foron un obxectivo prioritario dos Irmandiños. Despois da derrota, os Reis Católicos, na súa cruzada de "doma e castración de Galicia", ordenaron o derrube de moitos que quedaban en pé, sobre todo os roqueiros Despois destes sucesos, pedras de torres, castelos e casas-fortes foron reaproveitadas para a construción de pazos, vivendas, igrexas, peiraos, camiños...
Ademais das fortalezas en estado ruinoso e as que son vítimas de agresións e do abandono, tamén achego as desaparecidas (curiosamente, a Xunta de Galicia ten catalogadas como BIC moitas destas últimas, incluso algunhas das que se dubida da súa existencia).
Para máis información sobre os castelos e as torres de Galicia pódese ver o meu blogue O NOSO PATRIMONIO.
ABADÍN
Castelo de Castromaior (Romariz): Promontorio rochoso onde se observan algúns restos dunha fortaleza. Declarado BIC.
Castelo de Portela: Pertenceu ao bispado de Mondoñedo. Apenas quedan restos.
ABEGONDO
A Torre (Leiro): Citada por López Ferreiro, non se conservan restos.
Torre de Peito Bordel (Sarandóns): O edificio actual, habilitado como vivenda particular, data do século XVII. A construción máis antiga é unha arruinada torre do século XII.
Castelo de Beldaña: Catalogado como BIC pola Xunta de Galicia, mais trátase dunha segunda denominación do Castelo de Porcas que tamén figura declarado BIC. Só queda un foxo escavado na rocha.
AGOLADA
Castelo de Borraxeiros: Século XV. Para a construción do pazo do século XVII que vemos na actualidade utilizáronse as pedras do antigo castelo de Altamira derrubado polos Irmandiños.
ALFOZ
Torre do Castro de Ouro: Do século XV. O castelo foi construído sobre un primitivo castro. Na actualidade consérvase a Torre da Homenaxe, restos da parte dos muros con seteiras, foxos e unha capela posta baixo o padroado do Salvador. Cando a reconstrución da torre no século XX ampliouse a porta de entrada e engadíronselle novas xanelas que alteraron significativamente a vella construción. Ata o ano 1990 acolleu o Concello e o xulgado. Na actualidade funciona como punto de información turística e sala de exposicións.
Torre de Vilaúde (San Pedro de Mor): Descoñécese a data de fundación, mais crese que foi derrubada polos Irmandiños. Non quedan restos.
ALLARIZ
Castelo da Vila: Orixen no século XI, á beira do río Arnoia. Destruído polos Irmandiños. Consérvanse restos da muralla na parte coñecida como o Socastelo.
Monte Castelo ou Cima de Vila (Urrós): Nun afloramento lindeiro co concello da Merca, moi alterado pola extracción de pedra.
AMES
Monte de San Marcos (Castelo-Ames): Hai autores sitúan aquí un castelo medieval.
AMOEIRO
Castelo de Formigueiro ou Coto do Castelo (Trasalba): Coñecido tamén como Búbal. Construído sobre un primitivo asentamento castrexo, só se conservan algúns restos esparexidos pola contorna. O primeiro documento que fala deste castelo data do século XI. Derrubado polos Irmandiños, foi construído posteriormente. Nunha rocha aparece unha gravura medieval dunha espada.
ANTAS DE ULLA
Castelo do Castro de Amarante: Hoxe en día reconvertido en pazo. No mes de febreiro de 2013, a choiva provocou o derrube de parte da muralla.
Torre Nova: Século XIII, vencellada ao castelo de Amarante. Torre de vixiancia da que non quedan restos. Declarada como BIC.
Torre Vella: Adicada á vixiancia, situábase no monte Farelo. Conta a lenda que estaba comunicada co castelo de Amarante por un túnel. Só quedan algunhas pedras. Declarada BIC.
Torre de Vilasante: Non existen vestixios nin arqueolóxicos, nin escritos, nin orais o que non impide qu estea declarada como BIC.
ARANGA
Castelo de Hermanzón (Ponte Aranga): Citado, entre outros, en documentos do mosteiro de San Pedro Mezonzo. Apenas quedan algúns restos esparexidos polo lugar. Escavado por J. M. Luengo no ano 1944.
Torre de Teodomiro (Monte do Gato-O Barreiro): Se existiu esta torre non quedan restos. Santiago Fernández comentoume que tamén hai indicios, ao menos, doutras dúas torres, dunha das cales se conservan un posibles perpiaños reutilizados na construción dunha vivenda.
ARZÚA
Castelo de Fruzo (Oíns): Transformado en pazo, sufriu varias reformas nas que perdeu gran parte da súa estrutura.
BALTAR
O Castelo (San Paio-Abades): Trátase dun outeiro rochoso cunha zona central achairada onde a tradición sitúa un castelo medieval. Non se observan restos.
BAÑOS DE MOLGAS
Outeiro da Torre (Ambía): Había unha edificación defensiva que foi destruída hai máis de cen anos para reaproveitar as súas pedras noutras construcións modernas.
A Torre (Lama Má): Torre medieval de control hoxe en día desaparecida. Asentaba nun pequeno outeiro.
BARALLA
Casa-torre de Traspena (Covas): Citada por Vázquez Seijas. Preguntados os veciños, só souberon dicirme que no lugar coñecido como A Croa había un castro.
Torre de Neira: Se existiu descoñécese onde puido estar ubicada xa que non quedan restos arqueolóxicos nin escritos da súa existencia. Malia o anterior, está catalogada como BIC pola Xunta de Galicia.
Torre de Piñeira: Abandonada, atópase en deficiente estado de conservación. Engadíronselle anexos de bloques de cemento.
Torre de San Miguel (San Miguel de Neira de Rei): A igrexa románica de San Miguel levantouse sobre un castro e unha torre medieval da que fican algúns restos da base.
Torre de Vilameixe: Datada no primeiro terzo do século XVI. Atópase en regular estado de conservación.
O BARCO DE VALDEORRAS
O Castro: Sábese que o castelo xa existía no século XII. Durante as obras de restauración da arruinada torre a mediados do ano 2012, saíu á luz un alxibe construído no século XIV e ao que se accedía por unha trapela da cuberta abovedada. Tamén afloraron restos do primitivo castro.
BARREIROS
Cabarcos: En San Xulián de Cabarcos había unha torre que aparece citada no século XV.
Torre de Benquerencia: Pertenceu ao conde de Altamira. Derrubada polos Irmandiños. Non quedas restos.
BECERREÁ
Casa-torre de Horta (Agüeira). As súas orixes remóntanse ao século XI. A primitiva fortaleza ardeu no ano 1895, quedan só a parte da casa que aínda se conserva.
Castelo de Pena Agüeira: Ten a orixe no século XI. Destruído durante a Revolución Irmandiña. Non quedan restos.
BEGONTE
Torre de Camarasa: Pertenceu a un antigo castelo dos condes de Amarante. Destruída polos Irmandiños. Vázquez Seijas di que se trata dunha das fortalezas máis antigas da provincia de Lugo xa que existía nos primeiros tempos da Reconquista. Declarada BIC.
Torre de Saavedra: Do século XIV. Foi derrubada polos Irmandiños. Da antiga torre só se conservan algunhas pedras xunto o cemiterio e a ermida de Saavedra.
Torre de Virís: Da antiga torre medieval só queda unha arruinada casa de labranza onde se poden ver dous escudos na fachada.
BERGONDO
Mosteiro de Bergondo: Só se conserva parte da estrutura.
BETANZOS
Murallas da Vila: Arrodeaban o centro antigo. A finais do século XVI comezáronse a construír casas apegadas aos muros, costume que se xeralizou a partires do XVIII. A entrada principal, coñecida como Porta da Vila, foi derrubada a comezos do século XX para construír a estrada. Moitos veciños derrubaron parte da muralla para ampliar as súas vivendas.
OS BLANCOS
Castelo da Raíña Loba (Covas): Restos dun castelo roqueiro datado entre os séculos XIII e XIV. Nunha rocha hai gravado un taboleiro de xogos de "alquerque de nove". As súas pedras foron reaproveitadas na construción das casas de Covas. Ver, neste mesmo blogue, en Apéndices, O Castelo da Raíña Loba.
O Castelo Vello (Covas): Un veciño natural de Covas, que na actualidade vive en Xinzo de Limia, contoume que neste monte rochoso houbo un castelo onde aínda se podían ver restos dos muros que, como no caso do castelo da Raíña Loba, as súas pedras foron reaproveitadas nas vivendas da aldea.
Castelo do Outeiro da Fraga (Covas): Situado no derradeiro outeiro rochoso ao sur do castelo da Raíña Loba. Na actualidade só se ven os alicerces dunha torre medieval.
O Cemiterio (Covas): Pódense ver os alicerces dunha construción de planta rectangular que puído corresponder a unha torre medieval relacionada co castelo da Raíña Loba.
BOBORÁS
Castelo do Castro Cavadoso (Moldes): Destruído polos Irmandiños. Aínda se poden ver as ruínas das murallas e doutras edificacións.
Pico da Moura (Xendive): Na documentación medieval figura como Torres de Meixome. Aprécianse restos de muros circulares de xisto e foxo. Sufriu escavacións furtivas no centro da torre o que provocou un apreciable rebaixe.
Torre de Meixome (Xendive): Destruída cando a construción da estrada N-541. Non quedan restos.
A Torre (Penedo-Xuvencos): Desaparecida. No rexistro documental aparece como destruída polos Irmandiños.
BOIMORTO
Torre de Andavao: Non se trata de ningunha torre, senón dun pazo. Se existiu unha torre non quedas restos.
BOIRO
Castelo de Vitres: Na actualidade só permanecen as pegadas deixadas polos perpiaños da cimentación.
A BOLA
Castellum Berreti (Berredo): Construído sobre un castro. Os primeiros documentos datan do ano 999. Estaba situado o cume dun pico rochoso. Obsérvanse restos de cachotaría de granito espallados polo lugar e rebaixes artificiais na rocha.
BOQUEIXÓN
Castelo do Pico Sacro: Destruído polos Irmandiños no século XV. Logo foi mandado reedificar polo arcebispo Alonso de Fonseca. No século XIX as súas pedras foron reutilizadas para outros fins. Na actualidade só se distinguen os restos da planta e do alxibe.
Torre de Lestedo: Parecer ser que se atopaba nalgún punto da contorna do Pico Sacro; dise que as súas pedras foron reutilizadas noutras construcións. Aínda que inexistente e que nin sequera se sabe con exactitude onde se ubicaba, figura declarada como BIC pola Xunta de Galicia.
BÓVEDA
Casa-torre de Eimer (San Fiz de Rubián): Posuía unha torre, hoxe en día desaparecida.
BRIÓN
O Castelo: En O Rubial, parroquia de Bastavales. Promontorio rochoso con restos esparexidos polo lugar.
Torres de Altamira: O antigo castelo foi destruído polos Irmandiños no ano 1471 e que trala derrota tiveron que reconstruír. Co decorrer do tempo foise ampliando con varias torres e un pazo. Hoxe en día só quedan as ruínas de dúas torres e o basamento do edificio. As pedras foron utilizadas noutras construcións, entre outras a igrexa de Santa Minia de Brión.
BURELA
Casa-torre de Burela: Estivo situada no Cabo de Burela. Foi derrubada a finais do século XIX ou principios do XX.
CABANA DE BERGANTIÑOS
Torre de Corcoesto: Non se conservan restos.
Torre da Penela (Silvarredonda): Do castelo do século XV só se conserva unha das tres torres que tiña. Na actualidade a parte baixa utilízase como alpendre, e a do medio como graneiro e pombal.
CALDAS DE REIS
Torre de Caldas ou de Dona Urraca: Segundo recolle o cardenal Jerónimo del Hoyo no ano 1607, a torre fora mercada pola mitra compostelá ao rei. Xa existía, ao menos, dende o 1214. Coa desamortización de Mendizábal, a torre queda abandonada. No ano 1879 solicítase ao arcebispo compostelán a súa demolición para aproveitar as pedras na construción da nova igrexa. Foi derruída definitivamente no ano 1891.
Torre de Marán: Isaac González Iglesias informoume dunha torre que existiu no lugar de Marán, pertencente á parroquia de Arcos da Condesa. O nome é probable que veña da condesa Munia ou Munina Froilaz, irmá de Pedro Froilaz, conde de Traba, que residía na casa ou palacio da familia, en Marán. Na casa da finca onde se levantaba a torre consérvase un escudo; a cruz que obstenta, como indica Isaac, semella templaria. Na entrada da finca tamén hai un capitel.
CALVOS DE RANDÍN
Castelo da Picoña: Situado na raia con Portugal, defendía o Couto Mixto. Derruído polas tropas casteláns no ano 1650. Conserva os alicerces e un alxibe escavado na rocha.
CAMARIÑAS
Castelo do Soberano: Na Punta do Castelo, coñecido tamén como Batería do Soberano. A súa construción comezou durante o reinado de Filipe V e rematou na época de Carlos III. Nos anos corenta do pasado século as súas pedras serviron para construír o porto actual.
CAMBADOS
Torre de San Sadurniño: Do século X. Construída no illote da Figueira. Destruída polos Irmandiños e logo recontruída. Foi abandonada definitivamente no século XVIII. Totalmente arruinada, apenas quedan en pé parte de dous muros. Declarada BIC.
CAMBRE
Torre de Andeiro: Só quedan algunhas ruínas. Antigo pazo.
CANGAS
Castelo de Carbo ou Daravelo: Formado por un grupo de casas protexidas por unha muralla. Pertenceu á mitra compostelá dende o ano 1184. Derrubado polos Irmandiños no século XV. Na actualidade sobrevive pouco máis ca o nome, agás algunha ruína perceptible.
CARBALLEDOCasa-torre de Cartelos: Sufriu varias reformas, nunha das cales perdeu o corpo da torre.
Castelo de Milleirós: Vázquez Seijas (1967) conta que cando a visitou só quedaban ruínas.
Temes: Dise que onde se levanta a igrexa houbo un antigo castelo erixido sobre un castro.
Torre de Buciños (A Torre-Buciños): Sábese que no ano 1905 xa estaba totalmente arruinada.
Torre de Grixoa (Chouzán): Formaba parte dunha casa defensiva. Consérvanse algúns restos. Declarada BIC.
Torre de San Román (Campos): Crese que foi destruída polos Irmandiños. Non quedan restos. Declarada como BIC.
O CARBALLIÑOCastelo de Orcellón: Nada se sabe sobre a fundación deste castelo nin da situación exacta. Se o sitúo no Carballiño é por unha ambigua referencia da
Historia Compostelana. Sábese que pertenceu a Dona Urraca e que no ano 1121 a raíña retivo nel ao arcebispo Xelmírez. Derrubado polos Irmandiños no ano 1467.
Torre de Cabanelas: Desmontada arredor do ano 2010 para vender a pedra. (Información e foto achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán).
CARNOTACastelo do Pedrullo: No Monte Pindo. No século XII era coñecido como de
Sant Jiugium. Hai quen remonta a orixe aos tempos da lendaria raíña Lupa. Ao parecer pertencía a Rodrigo Pérez de Traba que, segundo a tradición, converteu a fortaleza nun niño de malfeitores. Excomungado por Xelmírez, o Traba solicitou o perdón do arcebispo compostelán doándolle a Torre de Hércules ao Apóstolo Santiago. O decreto de excomuñón foi gravado en pedra, unha polémica inscrición que se atopa no monte Penafiel (outros cren que a inscrición foi gravada para cristianizar un lugar adicado ao culto pagán); a principios do mes de setembro de 2011 descubriuse que a inscrición fora pintada de vermello.
Castelo de Penafiel: Castelo roqueiro situado sobre a fervenza do Ézaro. Derrubado polos Irmandiños.
CARTELLE
Fortaleza de Sande: Dos séculos XII-XIV. Só se conserva unha arruinada torre.
CASTRELO DE MIÑO
O Castrelo (Padreiro-Castrelo): Non se conservan restos dunha torre medieval que se ergueu sobre un primitivo asentamento castrexo. No lugar construíuse a igrexa de Santa María de orixe románica.
CASTRO DE REICasa-torre de Balmonte: Do século XVI. A parte da torre foi derrubada a principios do século XX.
Casa-torre de Vingolea (Ramil): Ao longo do tempo o pazo sufriu varias modificacións, adaptándoo ás necesidades dunha casa de labranza. Desapareceu a torre e as pedras labradas con inscricións latinas que ao parecer foron utilizadas como ornamento das tumbas do cemiterio; só unha cruz de malta aparece na parte superior da porta que dá acceso á corte do gando.
Castelo de Castro de Rei: Edificado sobre un primitivo asentamento castrexo. Sábese que a torre tiña unha altura de catorce metros. Foi derruído totalmente no ano 1941.
Torre do Castrillón (Ribeiras de Lea): Disque que estaba situada nun outeiro coñecido como Castrillón da Farola. Se existiu, non se coñecen restos.
Torre de Seivane (A Torre-Castro de Ribeiras de Lea): Formaba parte do pazo de Seivane, documentado no ano 1552. Só se conserva un escudo do século XVI nunha vivenda situada no lugar. Declarada BIC. No catálogo da Xunta figura como Leivane.
CASTROVERDECasa-torre de Soutomerille: Moi mutilada, consérvanse algúns restos das primitivas dependenzas.
Casa-Torre de Arriba (Soutomerille): Apenas quedan restos o que non impide que estean declaradas como BIC.
Casa-Torre de Abaixo (Soutomerille): Abandonada e en ruínas. Declarada BIC. Atópase xunto a tamén abanona igrexa de orixe prerrománica de Soutomerille.
Castelo de Castroverde: Dos séculos XIII-XV. Queda en pé a Torre da Homenaxe e algúns restos das antigas murallas.
Torre de Sobreda (Barredo): Nun afloramento granítico, consérvanse restos da desaparecida torre baixomedieval cuxas pedras foron reaproveitadas noutras construcións do pobo.
A Torre (Pena): Falan dela documentos do ano 1453, mais ignórase onde estaría ubicada con exactitude.
CATOIRA
Torres do Oeste (Oeste): Séculos IX-XI. O Castellum Honesti foi construído por mandato do rei galego Afonso III na desembocadura do río Ulla. Na actualidade consérvanse dúas torres das sete que tivo. Abandonadas longo tempo, no ano 1970 iniciáronse as obras de restauración.
CELANOVA
Fortaleza de Milmanda (Alcázar de Milmanda): Ao parecer foi construída sobre un asentamento de época romana. No século X pertencía ao mosteiro de Celanova. Destruída polos Irmandiños que logo foron obrigados a erguela de novo. No século XVIII, xa en plena decadencia, construíuse no lugar a igrexa de Santa María de Milmanda, utilizando de campanario unha das torres do castelo.
CENLLE
Castelo da Pena ou Coto dos Mouros (A Pena-Cenlle): Sobre un primitivo castro, desapareceu no século XVIII. Aínda se pode ver un alxibe escavado na rocha.
Castelo Alto (Pereiro-Cenlle): Nun promontorio rochoso. Vense restos de muros.
Castelo do Campo (Esposende): Nun promontorio granítico. Vense restos de muros asentados mediante rebaixes sobre as rochas.
Castelo de Roucos (Pena): Vense muros de cachote de grande espesor. Foi lugar de extracción de pedra que alterou de forma irreversible o xacemento.
CERCEDA
Castelo das Encrobas: Está documentado que no ano 1282 pertencía á mitra compostelá. Destruído polos Irmandiños.
Torre de Boedo (O Boedo-Queixas): Formaba parte dun pazo que sufriu unha gran transformación. Aínda que hoxe en día inexistente, a Xunta de Galicia tenna como BIC.
CERVANTESCastelo de Doiras: Do século XV. Revendido en varias ocasións, na actualidade atópase en mal estado de conservación e abandonado.
Castelo de Frades: É o nome dunha aldea do concello. Non existen restos nin arqueolóxicos nin documenais sobre a súa existencia. Declarado BIC.
Torre de Dumia: Consérvanse os restos da arruinada casa torre onde se poden ver dúas pedras armeiras.
CERVO
Castelo de Fontao: Ao parecer estaba situado preto da desembocadura do río Xunco e pertenceu ao mariscal Pardo de Cela. Non se coñecen restos.
Castelo mariño de San Cibrán: Citado por Vázquez Seijas. Sobre os seus restos levantouse unha factoría de salgado de peixe.
CHANTADA
Castelo de Muradelle (Paderne-Muradelle): Di o
Madoz que nunha altura da parroquia había un castelo chamado Castro de Paderne. Vázquez Seijas escribe que foi derrubado polos Irmandiños. Non quedan restos.
Torre de Arcos: Formou parte dun castelo construído nos séculos XIII ou XIV. Destruído polos Irmandiños no ano 1467. A torre, construída en cadeirado de granito, tentaron derruíla con dinamita para emplear os seus materiais noutras construcións. Na actualidade atópase en ruínas. Declarada BIC.
Torre de Candaz (Pedrafita): Edificada sobre un primitivo asentamento castrexo. Foi destruída polos normandos cando era propiedade dos condes de Traba.
Torre de Pacio (Líncora-Camporramiro): No ano 1905 aínda quedaban algunhas pedras en pé que foron reutilizadas na construción das casas. Declartada BIC.
Torre de Vilar de Eiriz: Non quedan restos. Declarada BIC.
Torre de Vilaúxe: Levantábase nun outeiro rochoso. Non quedan restos. Pervive na toponimia. Declarada BIC
.O CORGOA Torre (Anseán): Houbo unha torre que foi derrubada polos Irmandiños. Segundo un documento do ano 1602 acusaron a un tal Bastián López de tirar a torre e levar a pedra, atopando ademais un tesouro que o fixo moi rico.
Torre de Cerceda: Mandada edificar no ano 1578. Cando Vázquez Seijas escribiu a súa obra
Fortalezas de Lugo y su provincia, di que se conservaba a torre adicada a casa de labranza e tiña un escudo cunha inscrición. Cando a visitamos o día 13 de xuño de 2015, da torre só queda a porta, e a pedra armeira desapareceu.
COIRÓSCastelo da Mota (Oís): En ruínas, só se conservan restos dos muros.
Torre da Espenuca: Sobre o primitivo castro da Espenuca construíuse unha torre medieval xa documentada no ano 868. Non quedan restos.
A CORUÑA Castelo de Eirís: No mes de xullo de 2015, arqueólogos da empresa Argos que este non era o forte de Valparaíso, tal como se pensaba ata entón. O castelo de Eirís é do século XVI, na súa fachada locían unhas pedras armeiras cuxo paradoiro se descoñece; tamén tiña un arco de medio punto mediante o que se accedía á casa, hoxe desmontado. Ao longo do tempo, o edificio sufriu moitas modificacións para acabar converténdose en casa de labranza, abandonada nos anos sesenta do pasado século. Ao seren confundido coa fortaleza de Valparaíso foi declarada BIC. Malia iso, esta casa foi escenario de dous importantes acontecementos na historia da Coruña: O cerco realizado polos ingleses de Drake no ano 1589, e o combate entre as tropas napoleónicas, galegas e británicas na famosa Batalla de Elviña. Posuía unha ampla vista da baía coruñesa.
No mes de agosto de 2015, a asociación de veciños de Eirís denunciou
in situ a pintada que un grupo de persoas estaban a facer nun dos muros. O presidente da asociación chamou á policía local no mesmo momento en que se estaba a realizar a pintada, pero a policía ignorou o aviso. O Concello recoñeceu a existencia da chamada e informou de que se vai abrir un expediente interno para aclarar os feitos. Segundo os arqueólogos a eliminación do
grafiti é case imposible pola gran cantidade de pintura utilizada.
Castelo de San Amaro: Non quedan restos, no seu lugar levantouse o
Club del Mar. Crese que foi destruído entre os séculos XIII e XIV. Está documentado que a mediados do século XVII autorizáronse reformas. A principios do século XX xa estaba totalmente arruinado. Durante a Guerra Civil os fascistas utilizaron as ruínas como lugar de execución.
Castelo de Valparaíso (Eirís): No mes de xullo de 2015, arqueólogos da empresa Argos demostraron que ata o presente tíñase confundido esta fortaleza co castelo de Eirís. Do de Valparaíso pouco se sabe, crendo que podería ubicarse na zona coñecida como O Montiño.
Fortaleza de San Diego: Aínda que declarado Monumento Nacional no ano 1949, foi derrubado no ano 1965 para construír un peirao.