
Denis, á dereita, deféndese como pode perante o xurado de Vai de gaita
É síntoma de idade provecta, eu ben o sei, ou produto dun proceso de decantación emocional e intelectual que me conduce, de maneira inminente, á corentena. O caso é que todos os males políticos, sociais e vitais que anubran o noso presente -porque o noso presente está anubrado diga o que diga a eufórica estupidez de Gadis- acabo, ultimamente, por resumilos nun mal global, que é a falta de respecto. Se reparo ben decátome de que son as graves faltas de respecto (profesores homófobos, agresores da lingua galega, sexistas, machistas, xerarcas políticos e eclesiásticos) as que me obrigan a envorcar a miña indignación neste sacrosanto lugar. Desta volta, sentín esa indignación, a falta de respecto da que falo, na emisión do venres pasado de Luar e do seu concurso Vai de gaita. O fenómeno Luar é demasiado polisémico e complexo como para analizalo en catro parágrafos, pero si me gustaría deixar aquí uns apuntamentos sobre o proceso sumarísimo ao que se someteu a un concursante, un rapaz de Verín, Denis Rodríguez, que participou no concurso de Televisión de Galicia cunha gaita das denominadas marciais (cunha morfoloxía asimilada á das gaitas escocesas).

Os presentadores de ‘Luar’ con cara de circunstancias
Na seguinte ligazón fica o programa enteiro de Luar. O concurso transcorre entre o 1.28:00 e o 1.55.00, aproximadamente. A peza obrigada do certame foi o Valse dos vellos, do repertorio do grupo Airiños do Parque de Castrelos, de Vigo. Interprétana os dous rapaces que compiten. Jose Feal, de Ferrol, un deles, ten unha técnica moi moi precaria. Mal de afinación, mal de ronco, mal de tempero, mal de tempo… O acompañamento do tamboril moito non o axuda, nada. Claramente o seu nivel non xustifica a súa presenza nun plató de televisión. Pero el ten unha gaita galega, auténtica, pura, e alén da displicencia do xurado, que o anima a que estude (!!!) e que lle di que “non toca moito pero ten unha actitude boa…” só é receptor dunha humillación de baixa intensidade.

La Muiñeira. La Ilustración Gallega y Asturiana, tomo I, nº XX, 20 de xullo de 1879. Gravado de Mariano Ovejero. Deseño de Gerardo Meléndez y Conejo de pintura de Dionisio Fierros. Colección Puertas Mosquera
O de Denis é outra cousa. Toca ben, como milleiros de rapazas e rapaces que hoxe tocan a gaita neste país, pero salvo os comentarios de Lorena Freijeiro, que salienta algúns aspectos da súa interpretación, os outros dous membros do xurado, Susana Seivane e Cristian Silva, optan por esfolalo ao vivo, converténdoo na saca de boxeo e no pim pam pum dunha loita moi resesa, chea de rancores, rivalidades ególatras e presupostos teóricos inexactos, por todas as partes, que enfronta os defensores da gaita considerada tradicional e os da gaita tuneada á maneira das Highlands.
O plató de Luar -ese espazo que o mesmo lles abre a porta a Isabel Pantoja, a un cadro de baile flamenco ou a Moncho Borrajo, esa mesma noite, cantando Vaite lavar porcona, vaite lavar– transfigúrase, coma por ensalmo, nun sofisticado laboratorio da pureza tradicional. Como se a tradición fose un fósil, que se pode illar convenientemente, extraer do seu contexto, esterilizar e poñer diante dunha cámara e duns focos, dicindo: “isto é a tradición e así vola presentamos”.

Isabel Pantoja en ‘Luar’
Acaso era tradicional o Valse dos vellos, as rancheiras ou as rumbas que interpretaban os de Airiños do Parque de Castrelos? Sabe o xurado as críticas que aturaron os Gaiteiros de Soutelo -hoxe paradigma e canon da música galega tradicional- por non respectaren xustamente a tradición e os xeitos normativos da gaita na altura? Son as gaitas do obradoiro de Seivane -gaitas melloradas, con punteiros e foles hightech, aptas para un tempero e afinación perfectos, cun timbre uniforme, preparadas para subir na escala e facilitar unha interpretación precisa e brillante, como a da propia Susana- as gaitas da nosa tradición? Seguramente non. Velaí a cuestión. Onde comeza e onde remata o tradicional. Quen define que é ou que non é tradicional, cando a tradición é un constructo móbil, difícil de apreixar, en evolución ou mudanza permamente, para ben e para mal?

Portada dun disco de Airiños do Parque de Castrelos, de Vigo
Seguramente gran parte do público que esa noite estaba en Luar, e moito outro nas súas casas, non percibiu que esa gaita de Denis fose unha gaita non-galega ou usurpadora da nosa identidade até o que o xurado ergueu as mans ao ceo para clamar por tanta ignominia. Acho, de feito, que moitos espectadores non acabaron de comprender a polémica. Tampouco o concursante, Denis, acusado de portar entra as súas mans o “cancro da música galega”, en palabras de Susana Seivane, ben desacertada coa metáfora, por certo. Ningunha norma no concurso, así o especificou logo Gayoso no seu papel de Gayoso, impedía por outra parte concorrer con gaitas desta tipoloxía, denominada marcial, o que aínda pon máis en evidencia o absurdo e inxustificado da bronca.

O xurado do ‘Vai de gaita’
O modelo estilístico e organolóxico que representa a gaita de Denis non é outro que o instaurado no berce das deputacións provinciais, historicamente en mans do Partido Popular, e exportado a toda Galicia con relativo éxito a través das escolas e bandas de gaitas. (Ollo!, as bandas de gaitas non son tradicionais e non se lle pode pedir a un invento de finais do século XX que respecte a tradición). Xosé Lois Foxo, desde a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, é o nome que capitaneou ese desembarco.
Teño moitas cousas en contra desde modelo e dese personaxe. As muiñeiras á infanta Elena e a Xoán Paulo II. A militarización e ritualización do acto libérrimo e creativo de tocar un instrumento. A conversión do goce e do convivio da música en expresión dunha xerarquía ou dun sistema de uniformización, ao servizo de intereses políticos e caciquís. Impórtame algo menos o tipo de gaita, se leva o ronco para abaixo ou para arriba, como argumenta Foxo que figuraba no chapitel aquel da igrexa de non sei onde. A tradición créase e recréase e el, Foxo, pola súa connivencia co poder político, como antano as agrupacións folclóricas adscritas á Sección Femenina, tivo máis oportunidades do que outros de participar nese proceso.

Foxo, esquerda, con Baltar e o bispo da diócese
O dito non significa que a cantidade de rapazas e rapaces que tocan a gaita nesas bandas e escolas sexan inimigos de Galicia, nin destrutores da nosa tradición, nin terroristas que devezan por derramar a nosa simboloxía nacional. Da mesma maneira que un neofalante de galego non quere destruír o idioma -anque ás veces o fagamos- cada vez que non fai un ‘o’ aberto ou un ‘o’ pechado onde debe, ou descoloca os pronomes. Os propios membros do xurado, preocupados pola integridade do noso, tamén falan un galego bastante xustiño, inzado de castelanismos e cunha fonética anti-galega, e fano nunha televisión pública en horario de máxima audiencia.
Estou certo de que eses membros do xurado, sobre todo Susana Seivane e Cristian Silva, interpretaron a presenza de Denis coma a dun troiano, un virus perigoso infiltrado polo malvado Dr. Foxo -ao que non houbo valor de nomear, tanto mal que fixo- no sistema operativo da tradición musical galega, representada -abride os ollos ben- polo laboratorio sonoro do Luar e o que alí se coce e recoce, que ás veces falan de si mesmos como se fosen a delegación televisiva do Consello da Cultura Galega.

O malvado Doutor Foxo, disfrazado de Dr. NO para unha película de James Bond
“Denis non é tonto, estou eu aquí, e sabe o instrumento que está traendo” -dixo Susana Seivane, no seu papel de suma sacerdotisa da vilipendiada identidade galaica. “Se vas facer o circo faino ben” -increpoulle Cristian Silva. Susana nin o valora, outórgalle un cero (!!!), acúsao de mala fe e sóltalle: “sinto que te deixaras levar desta maneira, porque ti tocas ben e ti vales…”. Tamén o acusa de portar o pecado orixinal, un pecado do que, por desgraza, non hai redención posíbel… Denis, condenado de antemán, defendeuse como puido: “Eu non veño aquí a montar ningún circo. Esta gaita historicamente é galega…”. Con moito respecto argumentou: “Levades desde que entrei aquí avaliando o meu estilo e non como toco eu…”. Cristian –porqueyolovalgo– Silva, nun moi teatral e ridículo mutis abandona o plató cando o rapaz argumenta: “A min se me gustan os detalles dun gaiteiro por que non os podo copiar..?”. A palabra “copia” xa lle pareceu ao ínclito xurado o insulto supremo, como se o estilo dos gaiteiros galegos non se viñese forxando, desde a noite dos tempo, grazas á copia que uns facían dos outros.

O xesto vergoñento de Cristian Silva
Todo isto que expoño pasaría de ser unha anécdota ou un espectáculo máis ou menos bochornoso se non concorrera na súa posta en escena a falta de respecto e a humillación a un rapaz, diante de toda Galicia e da xente que a ese plató foi acompañalo. Un circo denigrante, o seu si, que se cifra no infame xesto do, chamémolo coach, Cristian Silva, quen despois da interpretación de Denis lle ofreceu un rolo de papel hixiénico para ‘simbolizar’ que a súa actuación fora unha “big cagada” ou algo polo estilo. Foi tan intolerábel e tan vergoñento, tan falto de clase e de elegancia, que sentín pena por Denis e admiración por como aturou todos os improperios.
Hai un elemento tradicional da cultura anglosaxona, e moi concretamente da comunidade afroamericana, que é o respecto. Respect!!, dinlle elas e eles. É o mínimo común múltiplo da convivencia. Pódese pedir máis pero non menos. O xurado de Luar faltoulle ao respecto a Denis e con el a toda a audiencia, co agravante de seren eles mestres e formadores. Non pertencerá a nosa tradición o respecto, non o teremos aprendido dos nosos devanceiros, pero é un deses elementos que cómpre incorporar, por moi foráneo e alleo que sexa. Denis amosou alí, diante de todos, que sabe o que é. Respect!, como cantaba Aretha Franklin. Non é unha muiñeira nin un alalá pero de seguro que coa gaita tamén se pode interpretar. R-E-S-P-E-C-T!